Alalá 009: A FOLIADA DAS CRECHAS
Alalá propón un xeito diferente de comezar as vacacións de Semana Santa: a foliada da Casa da Crechas. Neste afamado local da zona vella de Santiago celébrase cada mércores, desde hai 19 anos, unha festa musical improvisada á que calquera pode sumarse. Nas Crechas os músicos veteranos mestúranse con músicos máis novos, os profesionais con afeccionados, habituais con espontáneos, galegos con irlandeses ou escoceses, gaitas con violíns ou acordeóns, frautas, pandeiretas ou saxos. Tratáse dunha festa aberta na que non hai repertorio fixo, nin músicos fixos, calquera que saiba tocar e cantar pode achegarse ata alí e facelo. Por suposto hainos que xa son habituais, coma Manuel Amigo ou Quim Farinha que xa estiveron naquelas primeiras foliadas de hai dezanove anos. Tamén resulta fácil que os mércores pola noite poidamos ver por alí a Santi Cribeira –do grupo Berrogüeto-; a Antón das Pontes, un músico que vive de tocar na rúa; a Xan e a Pablo, dos músicos novos membros de Xochilmica; a Roi, un ebanista con alma de artista; ou a Davide Salvado e a Pepa Yañez que fan resoar as súas impresionantes voces nas noites de foliada.
Genero: | Alalá TVG |
Fecha: | 11/04/2006 |
Discografica: | TVG |
| |