Alalá 008: Os Diplomáticos do Acordeón
“Os diplomáticos do acordeón”, protagonistas do Alalá desta semana, é un deses grupos marabillosos ós que paga a pena coñecer. Formado por oito homes, oito veteranos para os que a música é algo máis ca un entretemento, é case un xeito de entender a vida. Todos pertencen a Terra de Montes, desde Soutelo ata Forcarei pasando por Cachafeiro, unha comarca famosa a principios do século vinte polos gradísimos gaiteiros que lle deron fama. Pero houbo outra época, a partir dos corenta, na que as gaitas deron paso ós acordeóns, anos nos que os salóns de baile se fixeron moi populares e nos que xa se bailan outros ritmos. Neses salóns de baile “criáronse” varios membros dos Diplomáticos que, desde moi pequeniños, tiveron a obriga de aprender a tocar un instrumento para axudar na economía familiar. Entre eles os irmáns Alberte Fírvida, bisobriños do popular Avelino Cachafeiro, que chegaron a formar un orquestra completa que tocaba no salón de baile da familia, o “Changüí”. Tamén Moncho aprendeu a tocar o acordeón porque seu pai era o dono do “Paraíso”, un salón de Forcarei que agora lle pertence a el. Un caso semellante é o de Paco Cachafeiro, tamén ligado ó mundo do acordeón e dos salóns de baile. No Alalá desta semana coñecéremolos a eles e ó resto dos Diplomáticos: a Jesús, un reloxeiro xubilado que, ademais de dar clase, colecciona acordeóns, de feito, ten unha colección de máis 130 instrumentos; a Toño, un amante da música dos sesenta que desfruta tanto da guitarra eléctrica como do acordeón; e a Joaquín, o vocalista, que canta coa mesma paixón un bolero ca unha muiñeira.
Genero: | Alalá TVG |
Fecha: | 04/04/2006 |
Discografica: | TVG |
| |