Alalá 018: PANDEIROMUS
Alalá descóbrenos esta semana a Pandeiromus, un dos primeiros grupos de pandereteiros que naceron en Galicia hai xa máis dunha década. Topo, Rafa, Xermán e Afonso, son os mozos que compoñen este grupo que, segundo eles mesmos confesan, naceu da necesidade de cantar sen limitacións, sen as limitación que lles supuña mesturar e adaptar as súas voces con voces femininas. Querían cantar e tocar e querían facelo só con homes. Ás voces fóronlles incorporando instrumentos, sobre todo de percusión. A aposta funcionou e conseguiron ademais cumprir o obxectivo principal, divertirse. No Alalá desta semana falarán de todo isto, dos dous discos que xa teñen publicado, das recollidas polas aldeas de Galicia e da forte relación de amizade que os une. Ademais este espazo permitiranos botar unha ollada a vida de cada un deles: veremos a Topo na súa casa da Ribeira de Botos, en Lalín, que converteu no centro de operacións de Pandeiromous e tamén de “Art-monium”, un grupo de teatro e animación de rúa que el mesmo dirixe; tamén estaremos con Rafa no estudo de gravación no que traballa e experimenta como técnico de son; con Xermán iremos á Seara, unha aldea do Courel onde mercou, cun grupo de amigos, unha casa abandonada que eles mesmos están restaurando; e estaremos con Afonso en Santiago para velo en acción, tanto no estudio no que exerce de fotógrafo coma nas rúas da súa querida Compostela.
Genero: | Alalá TVG |
Fecha: | 20/06/2006 |
Discografica: | TVG |
| |