Alalá 012: CANTADEIRAS DO BERBÉS

As Cantadeiras do Berbés son as protagonistas desta primeira semana de maio no programa Alalá. O grupo, que está formado por oito mulleres e un mozo, naceu no ano 93 a raíz dun cursiño de cantos populares organizado pola asociación Casco Vello, unha das asociacións culturais máis importantes de Vigo. Desde aquela publicaron dous traballos discográficos e están gravando o terceiro no que seguen rescatando vellos temas mariñeiros, cantos de taberna e outras pezas da música popular que acompañan con acordeón, percusión e gaita. O feito de ser un grupo interxeracional, con idades comprendidas entre os 28 e os 71 anos, apórtalle un atractivo engadido xa que cada unha delas víveo dun xeito distinto. Para unhas o grupo é amizade e alegría, unha maneira de expresarse e de divertirse, para outras é case unha terapia que lles axuda a seguir adiante e a superar momentos difíciles. Pero ademais da música e da forte relación que as une, falarannos tamén de como cambiou a vida no Berbés. O que antes era un bonito barrio típico de pescadores, no que todos eran como unha gran familia, agora está case abandonado. A maior parte das cantadeiras naceron no Casco Vello e as máis veteranas, coma Finocha ou Loli, lembran como naquela época unha casa era compartida por varias familias, como era o duro traballo na lonxa ou como se divertían nas festas que organizaban os veciños. Agora, a través da asociación Casco Vello, intentan que non esmoreza a vida cultural deste barrio que aínda conserva parte do encanto, malia que onde antes chegaba o mar agora haxa prazas e edificios de formigón.
Genero:Alalá TVG
Fecha:02/05/2006
Discografica:TVG