Alalá 015: SONDESEU
Coincidindo co décimo aniversario do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, o programa Alalá trasládase ata esta cidade para descubrirnos o que sen dúbida é a experiencia musical máis innovadora e espectacular deste centro. Referímonos a SonDeSeu, a primeira orquestra folc de Galicia que está formada por 35 músicos, todos eles alumnos desta escola. A idea xurdíu hai xa sete anos e naceu como unha actividade didáctica do Conservatorio, que coordina un dos nomes de máis prestixio da música galega, Rodrigo Romaní. El e mailo resto dos profesores, encárganse de traballar cos alumnos nas distintas aulas: Romaní dá clase de arpa; Anxo Pintos de zanfona; Alfonso Franco traballa cos violíns ; Xosé Liz de Cea na clase de requinta; Xaquín Xesteira ensina gaita e percusión e Fco. Xabier Feijoo, “Chisco”, encárgase da clase de canto e pandeiretas. Nesta edición de Alalá falarán os mestres e tamén alumnos coma Manoel, Roberto, Pauliine ou Mabel e comprobaremos que, para todos eles, SonDeSeu é algo máis ca unha actividade didáctica. De feito, as emocións mestúranse e percíbense a través da música cando actúan sobre un escenario ou, coma neste caso, en plena Rúa do Principe. Así, con público espontáneo, escoitaremos pezas do primeiro traballo discográfico da orquestra, “Mar de Vigo” e tamén do segundo disco, que están a piques de publicar, e no que aparecerán temas tradicionais e outros de composición propia. A posta en escena da orquestra SonDeSeu resulta orixinal e sorprendente polo gran número de músicos, pola variedade de instrumentos e polos arranxos musicais cos que conseguen un son potente, cheo de enerxía e de harmonía.
Genero: | Alalá TVG |
Fecha: | 30/05/2006 |
Discografica: | TVG |
| |