Alalá 013: EMILIO DO PANDO

Emilio do Pando é todo un referente na música popular galega e a el estará dedicada esta nova edición de Alalá. Emilio é un virtuoso da gaita e un dos poucos músicos que domina a trompa galega, un instrumento de gran tradición na zona da Fonsagrada, onde sempre viviu. Con el descubriremos os segredos da trompa e mesmo o escoitaremos tocar acompañado polo seu sobriño, Daniel, a quen considera o seu sucesor. Pero ademais coñeceremos as múltiples facetas deste home a quen músicos da talla de Rodrigo Romaní ou Bieito Romero, consideran un mestre. Aínda así, Emilio non vivíu da música, a súa foi, e segue sendo, unha vida con moitos matices: foi xastre, vendeu electrodomésticos, percorreu boa parte da Fonsagrada sendo carteiro, dá clase de música e ata fixo algún papel para o cine. Pero este home, que é quen de sacarlle melodía ata á casca dun carolo, leva a música dentro desde neno. Namorouse da gaita con pouco máis de dous anos cando lla viu tocar a un gaiteiro da zona pero, como Emilio era o máis pequeno dunha familia con dez fillos, tivo que conformarse cunha trompa. Xa cando era adulto, por fin mercou a súa primeira gaita e agora ós seus 74 anos, segue aprendéndolle a rapaces, mozos e mozas que se achegan ata a Fonsagrada. De todo isto falará neste programa no que tamén o veremos tocando a gaita cos “Amigos da gaita”, que veñen sendo, por suposto, os amigos de Emilio.
Genero:Alalá TVG
Fecha:09/05/2006
Discografica:TVG