Lei Natural

O mestre Xabier Blanco, erudito da música de raíz, leva anos estudando os fundamentos da nosa música tradicional mediante máis dun milleiro de instrumentos pobres recuperados por el mesmo. Unha infancia diferente, na que pasou longas tempadas nas Cíes, afastado da sociedade civil e en contacto total coa natureza e os nativos das illas, fixeron que Xabier descubrise a música de raíz a través de instrumentos cos que a natureza nos avasalla, dos instrumentos pobres. Cunchas de navallas, unha herba, o corno da cabra... nas mans de Xabier Blanco calquera elemento é capaz de reproducir harmoniosos sons. A música está en calquera lugar e o protagonista deste documental foi capaz de descubrila en lugares que para a maioría de nós resultarían insospeitados. Ademais da música, Xabier relátanos lendas e historias das Cíes, e das persoas que alí vivían. Unha historia que só pode contar alguén que viviu nas illas. Un relato dun dos poucos lugares onde aínda rexe a Lei Natural.
Genero:Tradicional de Galicia
Fecha:01/01/2012
Discografica:Casa de Tolos